Sinónimos do galego: dicionario de sinónimos en liña

sinonimos do galego app   Trátase dunha ferramenta moi útil e necesaria cando queremos facer unha boa redacción de textos libres de repeticións innecesarias, ou fuxir dos lugares comúns e as expresións máis rilladas.  Foi un traballo da Universidade de Vigo e grazas a este dicionario podemos consultar  máis de 200.000 voces da nosa lingua que ademáis están agrupadas en máis de 40.000 acepcións pola súa semellanza de significado.

   Podémolo consultar en liña ou podémolo baixar de balde coma unha aplicación para o móbil  dende a Play Store.

 

Realiter: léxicos temáticos en galego

realiter  É tamén noutras linguas románicas. Para ser máis exactos, REALITER é a Rede Panlatina de Terminoloxía e un dos seus obxectivos é a promoción da terminoloxía nas linguas neolatinas. Con isto pretenden a “ promoción da diversidade lingüística en todos os eidos, é dicir, o ensino, as relacións coa sociedade, a investigación e a publicación dos resultados nas linguas neolatinas”. A rede está formada por institucións culturais, lingüísticas e educativas de varios países, tanto europeos coma americanos. Entre outras forman parte de REALITER as Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) ou a Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega.

  Na sección Léxicos Realiter poderedes atopar diferentes recompilacións de léxico de temas tan variados coma Internet ou o correo electrónico, neoloxismos económicos na prensa, vocabulario sobre a difusión e a distribución do libro, márketing económico ou redes sociais, entre outros moitos. Como poderedes comprobar visitando esta web os léxicos están, ademais de en galego, en catalán, castelán, italiano, francés, portugués e romanés.

  Como vedes trátase dunha ferramenta que nos pode resultar moi útil con esas dúbidas que se nos presentan tantas veces en relación a algún termo específico dalgunha materia coa que esteamos a traballar.

Cilenis: moito máis que un conxugador

   linguakit2

  Moitos coñeceredes Cilenis coma esa ferramenta que nos saca de apuros cando dubidamos de como se conxuga a segunda persoa de singular de tal verbo. Cilenis, porén, é moito máis. Por unha banda Cilenis xorde a partir dunha liña de investigación desenvolvida na Universidade de Santiago coordinada por Pablo Gamallo. Así comeza a súa andaina coma “Spin-off” universitaria. Porén, o que máis nos interesa a nós e Cilenis coma plataforma complexa formada por varias utilidades e ferramentas interesantes para os que adoitamos escribir en galego ou queremos facelo con corrección:

CilenisApi. É unha aplicación que permite analizar un texto e extraer información deste. Entre outras cousas e grazas á investigación en “Natural Language Processing e Linguistic Engineering” permite recoñecer automaticamente a lingua dun texto, coñecer o que se di nas redes sociais dunha marca ou dun producto, extraer as palabras máis importantes dun texto, etc. Como podedes imaxinar as aplicacións son innumerables.

linguakit

Linguakit.  É probablemente a ferramenta que máis nos pode interesar. Non so inclúe o famoso conxugador de verbos senón que ademáis nos proporciona un corrector, un resumidor e un tradutor (este en versión PRO). Por se fora pouco inclúe ferramentas para análise de texto coma as que nomeamos na aplicación anterior, estamos a falar de análise lingüístico como contador de palabras, analizador sintáctico ou identificador de idioma. Como podedes ver, potentísimo.

Avalingua. É un proxecto en desenvolvemento que pretende converterse, como di a empresa “nun software de corrección automática tanto persoal coma para o ensino. Analiza  o texto buscando erros ortográficos, léxicos, gramaticais ou de estilo e ofrece información sobre a súa tipoloxía, importancia e posibles solucións”.

Na mesma plataforma podedes atopar a ligazón a un blog donde nos manteñen informados das novidades. Entre elas o anuncio da creación do Teclado Galego Android

 

Espazo FEE. Número 5

logo facultad mío

    Seguen a sair números da Revista Espazo FEE da nosa facultade. Entre outros temas interesantes un artigo moi completo sobre o Acceso Aberto á información científica, unha sección de preguntas frecuentes que se fan na administración do centro ou un traballo sobre o futuro enerxético da Unión Europea de cara ao 2030.

Revista_FEE

A Faster Reader: o máis rápido lendo

a fast reader Hoxe imos achegarvos unha desas aplicacións que podemos usar en galego e que por iso mesmo, entre outras razóns, nos gustan tanto.

   Trátase dunha aplicación dispoñible en Android e, como dicimos, en galego, que pode ser moi interesante para os que tantas veces non atopamos tempo para ler con calma todos os documentos, artigos ou entradas en blogs que nos apetecería. E unha ferramente de lectura rápida e visual (un substituto da famosa lectura en diagonal) que nos permite ler máis rápido (as palabras sucédense na pantalla á velocidade que nos establecemos) e polo tanto ler doutro xeito ou polo menos facernos unha idea do que temos diante antes de poñernos a ler máis amodo.

   Nada máis temos que instalar o dispositivo e cando esteamos no texto que desexamos ler abonda con darlle a Compartir para que apareza entre as opcións dispoñibles a súa execución. Admite variar a velocidade (permítenos facer a proba con Memorias dun neno labrego) e permite a integración cos lectores e navegadores máis habituais na súa versión Premium.

   Coma xa sabedes os hábitos lectores están a cambiar, coma cambian os soportes de lectura ou o xeito de relacionarse cos textos. O que non cambia e esperamos que non cambie e o pracer e o coñecemento que nos pode proporcionar a lectura.

Gozádea!

Revistas e xornais galegos a texto completo: o blogue Publicacións Galegas

 Para os que esteades interesados nos números máis antigos dos xornais galegos máis tradicionais e representativos e tamén, como non, para os que teñades curiosidade de ver como eramos ou do que se preocupaban os nosos xornais  a principios do século vinte, neste estupendo blog podedes descargar en formato PDF unha morea de números de revistas e periódicos coma A Fouce, A Nosa Terra ou Alento, entre outros. Algúns títulos teñen moitos números dixitalizados e outros menos, pero de todolos xeitos son unha fonte de información única e do máis interesante. Aproveitadea

   O autor/a deste interesante blogue xustifica así o seu traballo de recompilación:

“O porqué deste blog

   Hoxe en día a rede é a principal fonte de información para moitos de nós, non obstante, por moito que un busque, non atopa moitas cousas que deberían estar na rede dende hai ben tempo, entre estas cousas, atópase a Revista Nós, ou os xornais A Nosa Terra ou A Fouce. Sorprende que non se poidan consultar estas excepcionais publicacións, exceptuando algún artigo en concreto, con todo o que supuxo para a nosa historia recente e a nosa cultura.

   Por isto é polo que decidín colgala na rede para que a poida ler quen desexe”.

   Pois non nos queda máis que dicir: grazas!

Investigación e lingua: proposta para a mellora da presenza do galego na actividade científica

       Ese e o título do traballo que quero presentarvos hoxe. Un estudo necesario sobre a situación do galego no eido investigador e académico cunha análise rigorosa baseada en enquisas e datos estatísticos que nos ofrece o estado actual da cuestión no que respecta á presenza do galego na actividade investigadora galega.

    Este estudo foi promovido pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística e foi realizado por un equipo dirixido por Alba Nogueira López, Profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, nel participan asemade profesionais de universidades catalanas e vascas.

    Este traballo permítenos comprender coma a regulación da actividade académica condiciona os usos lingüísticos na universidade ou, entre outras cousas, cales son os complementos retributivos e a valoración de méritos lingüísticos no sistema universitario. Inclúe un estudo sobre a percepción do profesorado das universidades galegas que usa o galego sobre o uso deste idioma na actividade investigadora ou sobre o uso do galego nas teses de doutoramento.

     Non conformándose con establecer conclusións tan negativas coma que as publicacións que utilizan linguas distintas das dominantes teñen dificultades para ser valoradas nos seus sistemas académicos ou que a percepción do profesorado e negativa sobre os efectos que o uso do galego pode ter na súa promoción profesional, tamén ofrece propostas de actuación, baseándose por exemplo nas actuacións positivas doutras comunidades autónomas con lingua propia, coma Cataluña ou Euskadi, que permitan mellorar a situación da nosa lingua no mundo académico. Entre outras medidas establece o apoio á realización de teses en galego mediante unha política de bolsas de doutoramento, a influencia das universidades e a Xunta de Galicia sobre as empresas facendo cumprir as normas de uso do galego na contratación e prestación de servizos ou a divulgación do coñecemento científico á sociedade, principalmente entre os escolares de cara a asociar o galego a rexistros de prestixio.

Daquelas areas estas lamas…

  

A Revista Galega de Economía é un exemplo de revistas científicas que publican traballos en galego. Unha mostra de que os nosos profesores tamén se implican coa lingua a temos neste artigo de Margarita Vilar, profesora da facultade de economía de UDC sobre o mercado de traballo desde unha perspectiva histórica. Espero que o atopedes interesante.

Daquelas areas estas lamas?, o mercado de traballo en España desde unha perspectiva histórica

O Diario Oficial de Galicia no teu móbil

      Dentro das utilidades tecnolóxicas as que lle podemos atopar utilidade coma estudantes, investigadores ou demandantes de emprego atopámonos agora cunha aplicación que nos permite consultar o DOG dende o móbil.

      De moita utilidade para estarmos informados, xa sexa de convocatorias, coma de contratos, anuncios ou calquera información administrativa está a nosa disposición unha nova aplicación da Administración Autonómica que nos permite a consulta dun xeito máis cómodo e dende o noso móbil do Diario Oficial de Galicia (DOG).

       A aplicación  DOG foi lanzada co comezo do ano e pode descargarse de Google Play para Android e da App Store para iOS pois permite a consulta desde un smartphone ou tablet con sistema operativo Android ou iOS.

A ferramenta actualízase de continuo coa reutilización da información procedente da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia que se publica no portal www.xunta.es.

     Permítenos acceder ao último diario dispoñíbel, realizar unha busca para unha data concreta e consultar o contido directamente na aplicación e descargalo en formato PDF.Para facilitar o seu uso permite filtrar información por sección (disposicións xerais, autoridades e persoal, anuncios…), por rango (lei, decreto, orde, resolución…), por área temática (ensino e formación; medio ambiente; ciencia e tecnoloxía; economía, empresa e emprego…) e por colectivo ao que van dirixidos os anuncios (autónomos/as, desempregados/as, empresas, emigrantes, pais e nais…)

Unha aplicación que nun momento dado ou coma fonte de información xeral pode ser definitiva para calquera de nos.

GCiencia: ciencia en galego

      Un novo medio na Internet que pode ser do voso interese é GCiencia, un portal de ciencia en galego ou de ciencia feita en galicia. Os seus autores queren ofrecer un percorrido pola investigación científica que se desenvolve na nosa terra desde un punto de vista divulgativo e xornalísitico.

       Este proxecto. no que se pode colaborar como patrocinador (recoñecido!) con achegas ecónomicas. gañou o premio iProx (iniciativa de proxectos xornalisticos)

      O portal está dividido en seccións que abarcan temas como industría, mar ou universidade e tamén ten unha parte adicada á historia con anécdotas interesantes sobre a historia da nosa ciencia e os nosos científicos.

      Aquí podedes ler a presentación do portal onde poderedes coñecer os seus obxectivos e intencións con máis detemento. Parece un proxecto interesante polo que ten de novidoso e necesario en Galicia.

      Espero que sexa do voso interese.